Estatutos

FORO A PROL DA BANCA ÉTICA
(FORMULACIÓN ESTATUTARIA)
A formulación faise desenvolvendo a idea de atopar unha organización que cubra as necesidades dun sistema de financiamento acorde cos principios solidarios, de crecemento sostible, con criterios éticos en canto á súa orientación.
Descríbense as distintas alternativas e suscítase a necesidade de elixir a máis axustada.
Con todo, é evidente que cada unha das solucións en funcionamento naceron segundo unhas circunstancias concretas, diferenciándose precisamente polo modo de organizar os seus servicios, controis, fins, medios, etc.
É un esforzo necesario, pero desde unha perspectiva máis ampla respecto de ofrecer á sociedade, no seu conxunto, elementos de cambio social, cultural e financeiro, quizais resulte necesario incorporar outros criterios para definir os medios e obxectivos.
Sen esquecer o obxectivo concreto de poñer en marcha xa unha alternativa concreta, podemos pensar en esquecernos doutros medios e accións tendentes a un obxectivo xeral, de mellora nos medios e servicios financeiros.
Buscar a implicación das entidades políticas, educacionais, etc. para o que outra proposta podería ser a creación dunha fundación adicada á promoción de proxectos orientados á creación de servicios financeiros éticos, e non só creando servicios, senón tamén buscando o compromiso doutras entidades, como as caixas de aforro ou rurais, a banca oficial, etc., que deberían reconducir as súas políticas financeiras axustándoas os criterios éticos propostos.
Dita fundación, podería ter como obxetivos a achega de recursos financeiros, procedentes de entidades como as caixas de aforro, para constituir un fondo de capital risco, orientando o seu investimento en determinados proxectos, axustados o ideareo dos obxetivos da banca ética.
Outro ente necesario, sería a promoción dunha asociación de usuarios dos servicios financeiros, para xerar presión sobre as entidades financeiras e, principalmente, sobre os políticos, para que cambien as directrices políticas que rexen eses servicios.

ESTATUTOS

CAPÍTULO PRIMEIRO

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º: Constitúese na cidade de Vigo unha asociación que se denominará ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA DOS/AS USUARIOS/AS DE CAIXAS DE AFORROS E BANCOS (en siglas ADUCAB) e que se rexerá pola vixente Lei de asociacións e polos presentes Estatutos.

Artigo 2º : Son fins da Asociación:

A)Estudio e elaboración de propostas alternativas ó sistema financeiro; divulgando e organizando campañas de concienciación, recollida de firmas; participando en debates e, en xeral, favorecer tódalas actividades tendentes a conseguir:

1.- Que fronte á actuación das entidades mercantís de crédito, sexa mantida unha alternativa representada polas entidades oficiais e polas entidades financeiras de carácter social, como as Caixas de Aforro, as Cooperativas de Creto, e Bancos Alternativos (Ecobancos).

2.- Que se fomente e protexa a creación de entidades financeiras con carácter social, tanto para facilita-los servicios financeiros a un xusto prezo, como para que planifiquen as súas actividades tendo en conta as repercusión ecolóxicas e sociais, xa que ditas actividades son imprescindibles e necesarias para o desenrolo socioeconómico do país, evitando a especulación e contribuíndo ó fomento dunha economía sostible..

3.- Que se procure a implicación dos poderes políticos, para conseguir unha Lexislación mais acorde cos dereitos das persoas usuarias, que garante a eficacia dos servicios, axeitados as posibilidades e necesidades reais, así como un estricto e eficaz control das entidades de crédito.

4.- Que os dereitos de representación dos/as cidadáns estean garantidos, tanto para a participación nos órganos de goberno segundo correspóndalles, como para obter a información necesaria.

5.- Que se dote dun organismo competente para a fiscalización, vixilancia e control das Entidades de Crédito e da súa política financeira, da que depende a marcha da economía do pais.

B)O asesoramento ós seus socios/as nos conflictos que os/as mesmos/as podan ter cos intermediarios financeiros, prestándolles axuda legal.

C)Crear un boletín periódico para dar información a tódolos/as asociados/as, e manter unha web para debates e comunicacións entre os asociados.

D)Potencia-la participación cidadá para conseguir unhas relacións mais racionais, funcionais e xustas coas entidades de crédito, e favorecer calquera opción de cambio tendente ó deseño dun planteamiento económico mais real e xusto co conxunto da sociedade.

E)A representación e defensa dos/as seus/súas afiliados/as ante a ambigüidade e confusión normativa en torno á actuación das entidades de crédito.

F)O seguimento e denuncia, no seu caso, das actividades de calquera das entidades financeiras o das Administracións Publicas que, por vía de feito, menoscaben dereitos inalienables da persoa.

Artigo 3º : O domicilio principal da Asociación radicará na cidade de Vigo Rúa Mª Berdiales nº 19-1º Izq. Poderán ser creados locais sociais noutras cidades mediante acordo da Xunta directiva, a cal terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ó rexistro de Asociacións.

Artigo 4º : A Asociación desenvolverá as súas actividades en todo o territorio do Estado, terá duración indefinida e só deberá disolverse por acordo da Asemblea Xeral extraordinaria e por calquera das causas previstas nas leis.

Artigo 5º : A Xunta Directiva será o órgano competente para interpreta-los preceptos contidos nestes estatutos e cubrilas súas lagoas, sempre someténdose á normativa legal vixente en materia de asociacións. Os presentes estatutos serán desenrolados e cumpridos mediante os acordos que validamente adopte a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro da súa respectiva competencia.

CAPÍTULO II

DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN

Artigo 6º: A dirección e administración da Asociación serán exercidas pola persoa designada coma presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 7º: A persoa designada coma presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

A persoa designada coma presidente o será pola Asemblea Xeral entre as persoas socias que teñan ó menos tres anos de antigüidade (ou sexan persoas que participaron na constitución de ADUCAB), e o seu mandato durará CATRO anos.

Artigo 8º: Os postos a cubrir na Xunta Directiva serán: presidencia, vicepresidencia, secretaría, vicesecretaría, contaduría, tesourería e 3 vocalias.

Artigo 9º: os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, elixiranse pola Asemblea Xeral e durarán un período de CATRO anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

Os cargos da Xunta Directiva renovaranse por metade. No primeiro torno serán renovados a vicepresidencia, a vicesecretaría, tesourería e unha vocalía; no segundo, a presidencia, a secretaría, a contaduría e as outras dúas vocalías. O mandato da primeira Xunta, terá por tanto unha duración de dous anos para o primeiro torno, e de catro para o segundo, pero os mandatos sucesivos renovaranse en ambos casos cada catro anos, alternativamente.

O persoal administrativo para a secretaría, se o houbese, será contratado pola Xunta Directiva, que acordará, ademais, a súa retribución.

Artigo 10º: É función da Xunta Directiva programar e dirixi-las actividades sociais e leva-la xestión administrativa e económica da Asociación someter á aprobación da Asemblea Xeral o presuposto anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

Artigo 11º: A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine a presidencia ou a vicepresidencia, a iniciativa propia ou a petición de cando menos dúas persoas que sexan membros da directiva, ou por un número significativo de socios (ó menos representativos do 10% do total). Será presidida pola persoa que asuma a presidencia ou, na súa ausencia, pola persoa que ocupe a vicepresidencia, a secretaría ou a vicesecretaría, por esta orde, e, en caso da falta de ditas persoas, ocupará a presidencia da asemblea a persoa de mais idade de entre os membros presentes da Xunta.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados por maioría de votos dos/as asistentes, sendo necesaria a concorrencia, ó menos, de seis dos/as seus/súas membros/as. Das sesións o/a secretario/a ou, no seu defecto, o/a vicesecretario/a levantará acta, que se transcribirá ó libro correspondente.

Artigo 12º: os/as membros/as da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de recadar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais de ditas comisións, o número de vocais que acorda a Xunta Directiva, a proposta das persoas que asuman a presidencia de cada comisión.

Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.

Artigo 13º: A persoa que asuma a Presidencia da Xunta Directiva terá ademais das facultades consignadas no Artigo 7º, as seguintes atribucións:

a)Convocar e levanta-las sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixi-las deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.

b)Propor o plan de actividades da asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

c)Ordenar os pagos acordados validamente.

A presidencia estará asistida na súa función por unha vicepresidencia, que, ademais, a substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 14º: O/a secretario/a recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro ou libro de rexistro de socios/as, e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Entidade. Auxiliaralle nas súas funcións e substituirá nas súas ausencias o/a vicesecretario/a.

Artigo 15º: O/a contador/a dirixirá a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos sociais, intervindo tódalas operacións de orden económico. O/a tesoureiro/a recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pago que expida o/a presidente.

O/a contador/a, co/a tesoureiro/a, formalizará o presuposto anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior, que deben ser presentados á Xunta Directiva, para que esta, á súa vez, os someta á aprobación da Asemblea Xeral.

Artigo 16º: Cada un dos/as compoñentes da Xunta Directiva terá os deberes propios do seu cargo, así como os que nazan das delegacións o comisións que a propia Xunta lles encomende.

Incumbirá de maneira concreta ó/á secretario/a e, no seu caso, ó/á vicesecretario/a velar polo cumprimento das disposicións legais vixentes en materia de asociacións, custodiando a documentación oficial da Entidade e facendo que se cursen ó Rexistro provincial as comunicacións sobre designación da Xunta Directiva, e as que ésta acorde remitir a aquél.

Artigo 17º: A Asemblea Xeral, integrada por tódolos/as socios/as, é o órgano supremo da Asociación e reunirase sempre que o acorde a Xunta Directiva, por propia iniciativa ou porque o solicite a décima parte dos/as socios/as.

Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinaria unha vez ó ano, dentro do mes de xaneiro, para aproba-lo plan xeral de actuación da Asociación, censurar a xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondentes ó ano anterior.

Artigo 18º: A Asemblea Xeral reunirase en sesión extraordinaria cando o esixan as disposicións vixentes ou así o acorde a Xunta Directiva, en atención ós asuntos que deban tratarse, e, en todo caso, para coñecer das seguintes materias; disposición ou alleamento de bens, nomeamento de Xunta Directiva, solicitude de declaración de utilidade pública, modificación de Estatutos e disolución da Asociación,ou por petición de un mínimo do 10% dos asociados,ou un número máximo de 100 socios, si o total de estes superase os mil.

Artigo 19º.- As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea Xeral en primeira convocatoria haberán de mediar, ó menos, quince días, podendo, así mesmo, facerse constar a data na que, se procedera, se reunirá a Asemblea Xeral en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra reunión poda mediar un prazo inferior a vintecatro horas. No suposto de que non se houbera previsto no anuncio a data da segunda convocatoria, deberá ser esta feita con oito días de antelación á data da reunión.

Artigo 20º: As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituidas en primeira convocatoria cando concurran a elas, presentes ou representados/as, a maioría dos/as asociados/as, e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asociados/as concurrentes.

Artigo 21º: os acordos das Asembleas Xerais adoptaranse por maioría de votos. No obstante, será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos/as asociados/as, presentes ou representados/as, para adoptar acordos en Asemblea Xeral extraordinaria sobre disposición ou enaxenación de bens, nomeamento de Xuntas Directivas, solicitude de declaración de utilidade pública, modificación de Estatutos e disolución de asociación.

CAPÍTULO III

DAS PERSOAS SOCIAS, OS SEUS DEREITOS E DEBERES.

Artigo 22º: Poderán formar parte da Asociación as persoas maiores de idade que dalgunha maneira teñan interés en servir ós fins da mesma e sexan admitidas pola Xunta Directiva, a cal poderá propoñer a Asemblea Xeral o otorgamento de titulo de membro honorario ás persoas que estime oportuno, a título meramente honorífico, sen que leve consigo a condición xurídica de socio ou socia.

Artigo 23º: Aqueles/as que desexen pertencer á Asociación solicitaranmo da presidencia por escrito, a cal dará conta á Xunta Directiva, que resolverá sobre a admisión o inadmisión da persoa solicitante, de maneira provisoria, en tanto a sua aceptación non sexa confirmada póla asemblea xeral. O recurso contra o acordo da Xunta Directiva presentarase ante a Asemblea Xeral que se celebre a partires dun prazo mínimo de 30 días.

Non se adquire a condición de socio ou socia mentres non se satisfaga a cuota de entrada, na contía e forma que estableza a Xunta Directiva.

Artigo 24º: Os socios ou as socias poderán solicita-la súa baixa na Asociación voluntariamente, pero este feito non lles eximirá de satisface-las obrigas que teñan pendentes para con aquela.

A Xunta Directiva poderá separar da Asociación como socias a aquelas persoas que cometan actos que os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma. A separación será precedida de expedinte no que deberá ser oída a persoa interesada, e contra o acordo da Xunta Directiva caberá recurso ante a primeira Asemblea Xeral que se celebre.

Artigo 25º: As persoas integradas na Asociación como socias, terán os seguintes dereitos:

a)Participar nas actividades culturais que promova a Asociación e nos actos sociais que se organicen.
b)Exercita-lo dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais.
c)Ser nomeada membro da Xunta Directiva na forma que prevén estes Estatutos.
d)Posuír un exemplar destes Estatutos e ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos.
e)Que se lles poña de manifesto o estado de contas dos ingresos e gastos da Asociación tódolos anos.

Artigo 26º: Serán obrigas de tódolos socios e tódalas socias:

a)Acatar os presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva.
b)Abona-las cuotas de entrada e as periódicas que acorda a Xunta Directiva.
c)Desempeñar fielmente as obrigas inherentes ó cargo que desempeñen.

Artigo 27º: As persoas socias poderán ser sancionadas pola Xunta Directiva por infrinxir reiteradamente os presentes Estatutos ou os acordos da Asemblea Xeral ou da Xunta Directiva. As sancións poden comprender dende a suspensión dos seus dereitos durante un mes ata a separación definitiva da Asociación, nos termos que prevén o Artigo 24.

CAPÍTULO IV

DO RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 28: A Asociación carece de patrimonio ó constituírse; e o límite do presuposto anual non excederá de 24.000 €.

Artigo 29º: os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades sociais serán:

a)As cuotas de entrada que sinale a Xunta Directiva.
b)As cuotas periódicas que acorde a mesma.
c)Os productos dos bens e dereitos que lle correspondan, así como as subvencións, legados, donativos que poida recibir en forma legal.
d)Os ingresos que obteña a Asociación mediante as actividades lícitas que acorde realizar a Xunta Directiva, sempre dentro dos fins estatuarios.

Artigo 30º: A administración dos fondos da Asociación levarase a cabo sometida á correspondente intervención e coa publicidade suficiente, a fin de que as persoas socias poidan ter coñecemento periodicamente do destino daqueles sen perxuicio do dereito consignado a ese respecto no apartado e) do Artigo 25 destes Estatutos.

Artigo 31º: En caso de se disolver a Asociación, a Asemblea Xeral que acorda disolución nomeará unha comisión liquidadora, composta por cinco persoas, dos que dúas serán procedentes da Xunta Directiva, a cal farase cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigacións, o remanente, se o houbera, sexa entregado a calquera entidade legalmente constituída, con domicilio en Galiza, que se dedique a iguais, ou no seu defecto, análogos fins ós da Asociación.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s